Festa do Boi Festa do Boi Allariz
   Fotografías  |  Videos   INICIO 

Historia da Festa
Os comezos
A Recuperación
Actualidade
Festa de Interés Turístico
 
A Festa
Como Seguir a Festa?
Consellos
Información Práctica
Festiboi
 
Festa do Boi 2010
Programa da Festa 2010
 
Actualidade
Novas
 
A.C. Xan de Arzúa
A Asociación
Contactar
Produtos do Boi
 
Multimedia
Fotografias
Videos
Cámaras en Directo
Colección de Carteis
 


» Os comezos

Os comezos

Ampliar Foto...
Din as lendas que a corrida do Boi tivo a súa orixe nunha malfeitoría da colonia xudía que vivía na parte da vila que recibía o nome de Socastelo. Parece que os xudeus deran na teima de atrapalla-la celebración pacífica da procesión do Corpus, saíndo ó seu encontro cando as imaxes e o cortexo dos fieis se acercaba ó Socastelo, camiño da igrexa de Santo Estevo. Insultaban á xente, facían mofa das imaxes e dos símbolos relixiosos, metíanse cos curas e cos monagos, e todo remataba de mala maneira. Non se podía dicir que houbera mortos, pero feridos habíaos a eito.

Aquilo tíñase que gobernar, pero niguén sabía como. Entón é cando aparece Xan de Arzúa, home de conviccións relixiosas, ó que lle molestaba profundamente o comportamento dos xudeus, por iso, e para pór fin a este, decidiú saír un ano ó lombo dun robusto touro enmaromado e suxeitado polos seus criados que ían provistos de sacos con formigas e cinza para tirar á cara dos xudeus irrespetuosos, que ó ve-la actitude decidida deste home desistiron na súa.

En recordo deste acontecemento, tódolos anos pola festa do Corpus, corríase un touro enmaromado polas rúas da vila, para o que Xan de Arzúa deixara parte do seu capital en terras, coas rendas pagábase o alugueiro do boi e dábase de beber ós mozos do sedeño. O Concello administraba os bens, sufragaba os gastos do boi e da festividade do Corpus.

Ampliar Foto...
Recreación da Orixe da Festa
¿Quen era Xan de Arzúa?, ¿acaso en remotas épocas librou ós alaricanos dos horrores da guerra ou da fame?, ¿expulsou da súa terra ós mouros? ou ¿prestou, un servicio polo que se fixo digno de que o seu nome fora transmitido a futuras xeracións? ¿Acaso é un ser caprichoso que representa un ideal local ou unha aspiración popular? Nada diso, Xan de Arzúa non é máis cun boneco de palla ou cartón, harmoniosamente vestido, que despois de estar exposto ás miradas do público no balcón da Casa do Concello, é montado nun pesado boi percorrendo así, antes da saída da procesión do Corpus, tódalas rúas da vila no medio do rebumbio, e animado bulir da xente, que non cesaba de encher a paus ó pobre animal e ó seu xinete.

Non puidemos descubrir en que época viviu, nin outra cousa da súa vida, mais que era un home acostumado a que o seu nome soase entre risos e ledicia, e quixo que despois de morto acadase igual sorte. Cousa que conseguiu deixando parte dos seus bens e rendas ó pobo que fora teatro das súas ledicias, coa condición de que tódolos anos, o día de Corpus, o sacaran a pasear en efixie ó lombo dun boi. Deixou sinalada a carreira que tiña que levar, o punto de onde tiña que saír, encargando do cumprimento exacto da súa festiva vontade á xustiza do pobo.

Ampliar Foto...
O Boi, protagonista da festa
Un boi de moitas libras, suxeitado por unha maroma, foi lanzado ás rúas para a persecución dos transeúntes pacíficos e deleite de moitos. Seis garridos homes suxeitaban o extremo do sedeño que prendía ó boi polos cornos e multitude de mans axitaban con frenesí as aguilladas coas que se picaba ó boi co fin de redobra-los seus bríos e furias.

A compra do boi foi nun comezo verificada polos "tablaxeiros", e despois o Concello pagou o alugueiro do boi e a festa do Corpus.

Con anterioridade investigase onde podía haber un boi, ou máis, que reunisen as condicións para o obxecto desexado e con eles facíase a chamada "Proba do Boi" -Xoves de Ascensión e Domingos que anteceden ó Corpus-. Unha vez elixido tratábase co dono, pagábase o alugueiro e dábase unha fianza pecunaria, ante a posibilidade dun risco que o deisaxe inservible para o labor. Feito o trato do boi, pechábase nun cortello oito días antes para ser ben coidado, de onde saía para ser corrido ó remata-lo folión do mércores na Praza Maior .

 


 

 
(C) Logo A.C. Xan de Arzúa    |    aviso legal   |   colabora Concello de Allariz   |    Por @inet Consulting